18 may 2012

Hoxe connosco, Avelino González

Hoxe temos a honra de ter connosco a Avelino González, ao que lle agradecemos a xenerosidade e a deferencia coa que sempre nos agasalla.  Lucía Penas, de 1º bacharelato, déixanos unha presentación do actor. 

Avelino González é un dos mellores e máis completos actores galegos cos que contamos na actualidade: director teatral, monologuista, tradutor e actor de cine, televisión e teatro. Entre as súas afeccións está a música e forma parte do Coro da Ra dende hai tempo.
Avelino é un home totalmente consolidado no panorama escénico. Comezou a súa carreira teatral na Farándula no 1980, e fundou as compañías Tranvía Teatro e Ollomol Tranvía.
No ámbito teatral traballou en obras como Tarará-chis-pum, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e Animaliños, entre outras. Pero non só destacou como actor no mundo da escena, el é director da obra Pelos na lingua á que tivemos o pracer de acudir e doutras como Bicos con língua e Cartas de amor.
No 1987 deu o salto ao cine con Gallego. A esta seguírona títulos como Heroína e A ti como se che di adeus. Témolo visto en programas da televisión como Arestora ou Luar, en telefilmes e curtametraxes. Ten participado tamén nunha longa lista de series televisivas; entre outras, As leis de Celavella, Rías Baixas, A vida por diante, Galicia Express, Mareas Vivas, Pratos Combinados, e a que quizais lle deu máis popularidade e na que podemos velo na actualidade, a premiada Padre Casares. Asemade, participou en series da TVE e de Telecinco, como Hospital Central, Piratas ou Cuéntame.
Cómpre aínda salientar o seu traballo como narrador oral e tradutor de teatro, faceta esta que lle foi recoñecida co máximo galardón que se outorga en Galicia: o Premio María Casares, á mellor adaptación- tradución por A raíña da beleza de Leenane, no 2007; A bombilla máxica, no 2008; Un cranio furado, no 2011 e, este mesmo ano, por Oeste solitario.
Este está a ser un ano bo para Avelino González. Ademais do premio pola tradución de Oeste Solitario, Pelos na lingua foi extraordinarimente ben acollida polo público e pola crítica, e por ela vén de concedérselle o Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal e O Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego.
Moitas grazas pola túa visita, Avelino, agardamos que te sintas cómodo entre nós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario