6 may 2015

Achegándonos á toponimia

Durante a Semana Cultural os alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO tivemos a sorte de poder  asistir á charla Descubre a historia da túa terra a través dos seus topónimos. O patrimonio inmaterial vencellado ás TIC. A sesión, magnífica, foi  impartida por Vicente Feijoo Ares, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e especialista en Toponimia.
Logo de presentarnos o proxecto Toponimia de Galicia no que el coordinou durante varios anos os traballos de campo, falounos da importancia de conservar unha das compoñentes máis ricas do noso patrimonio inmaterial: o nome dos lugares, que agochan tras si todo o peso da historia e da cultura de noso. Presentounos tamén as ferramentas informáticas dispoñibles para aparecermos no mundo cun nome propio.
O proxecto, que os nosos dirixentes políticos deixaron inconcluso por falta de orzamento, ten catalogados actualmente máis de 400.000 topónimos.  Vicente animounos a continualo e ofreceunos  toda a súa axuda para impedir que o despoboamento do rural e a globalización rematen a medio prazo cunha riqueza que nos singulariza fronte a outros lugares da xeografía española. A nosa implicación permitiranos coñecer mellor a nosa identidade e preservala para legárllela ás xeracións vindeiras.
Na sesión algúns de nós tivemos ocasión de saber a orixe do nome do lugar onde vivimos. O máis curioso foi o caso de Foxado. O seu nome débese a que noutrora foi un lugar moi poboado de lobos e no que habería foxos ou trampas para darlles caza.


Vicente sente verdadeira paixón polo seu traballo e foi quen de transmitilo a un público que un luns pola tarde, e en época de exames, estivo completamente atento e entregado.  Grazas pola túa profesionalidade e pola ilusión que transmites. Agardamos que este sexa o inicio dunha longa relación co IES de Curtis e que, en breve, poidas revisar as nosas achegas á toponimia galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario