31 mar 2016

U- la emisión dos María Casares?

A gala de entrega dos premios María Casares 2016 presentábase dende a páxina da AAAG como " unha gala musical que lembrará a María Casares e ás Irmandades da Fala, como tamén a outros elementos que sirven para reivindicar unha identidade cultural propia aberta ao mundo e que constitúen unha mirada orgullosa ao pasado para afrontar con determinación o futuro do teatro, da lingua e da cultura galega". 

Este ano, por primeira vez, deixou de retransmitirse na TVG (nin sequera en diferido e en horario de mínima audiencia como era habitual) e pasou á segunda canle de TVG, en horario 00:25h (o acto comezaba ás 21:00h no teatro Rosalía de Castro da Coruña). 

O streaming que se anuncia na páxina da AAAG 

Dá ao "premer" o seguinte resultado


Manifesto  lido por Montse Dopico no Teatro Rosalía de Castro durante a gala dos XX Premios de Teatro María Casares


Existe o teatro galego?

Cultura, así, con maiúsculas, non é unha consellería. Unha dirección xeral. Non é unha non política. Nin unha retallada do 70% nos xa cativos apoios que deberían servir para que unha entrada nun espectáculo non fose só un luxo exclusivo para ricos. Non é asentir e non facer, mesmo escoitando. Non é ignorar a realidade de tantos e tantas profesionais que están a verse obrigados a marchar, outra vez, ou a volver ás prácticas do tempo do amateurismo.

Se algo sostivo -e sostén- a cultura en Galicia, e o teatro como parte dela, non foi -con honrosas e escasas excepcións- o paternalismo dunhas institucións que nin sabían, nin moitas veces contestaban. Foi o empeño persoal, e colectivo, de todos os creadores e creadoras que non só resistiron, senón que actuaron. E que actúan. Que fan, refán, reiventan. Malia a precariedade. Malia a censura. Titeriteiros, titeriteiras, todos.

Todas as que dixeron non ás sentenzas de derrubamento por esgotamento. Aos intentos de desafiuzar un oficio que precedeu e vai sobrevivir aos que tentaron desmantelalo co seu desprezo. A cultura non existe, nin existiría, sen eles e sen elas. Sen a base que a sustenta. Desde antes de que se comezase a apelar ao sistema que os integra. Desde antes mesmo de poñerlle nome ao galeguismo, de comezar a reivindicar a lingua como cerne da creación. A cultura propia.

O teatro galego non existe se se reduce ás maiúsculas. Porque sempre se escribiu, e se escribe, coas letras de abaixo. E malamente poderá pervivir xa non só no medio da non política de navalladas aos orzamentos culturais, senón na trampa dunhas axudas que parecen concibidas para fomentar a dependencia. Dos avatares políticos. Dos cambios -e ausencias- de quen encabeza as institucións. De vontades alleas ás artes escénicas, non representadas onde se toman realmente as decisións. Para logo producir, como se pode, e non poder nin distribuír, cunha rede de teatros asfixiada.

Mais o teatro tampouco poderá capear a treboada se ten medo. Se dimite e, entre lamentos, se retira ante as ameazas. Se rexeita, xa de primeiras, a procura doutras fórmulas de relacionamento coa administración. Se non procura o xeito de renovar o seu encontro co público e se renuncia ao contraste con públicos máis afastados. Se teme a crítica, e en especial a foránea. Se cede ante a presión do desemprego e acepta mutilar os dereitos laborais. Se abandona a protesta polo que é seu.

Se non supera dinámicas de acomodamento nas que algunhas compañías e profesionais tamén caeron co desenvolvemento do teatro institucional. Se entra no xogo da política de pasillos, reverso do divide e vencerás. Se non comprende os novos xeitos e canles de promoción. Se non se esixe, a si mesmo, a excelencia profesional debida, malia as dificultades. Para que a experiencia de quen mira sexa, sempre, verdade.

Mais nada fará máis forte o teatro que cumprir a encomenda de Bertolt Brecht, estensiva a toda a cultura, e tamén ao xornalismo. Axudar a que as persoas “coñezan en número suficiente a causa dos seus sufrimentos e dos seus perigos, saiban como suceden as cousas e que métodos adoptaren para eliminar os seus verdugos”. Transmitir este saber “ao número máis grande de xente posible”. Ser socialmente útiles. Vivir, sempre, do lado das letras minúsculas. Que é o seu. Ou, como dicía Ana Vallés arredor da última obra de Matarile, ir á procura do que sae por fóra, do que altera. Do que nos conduce a outras miradas. Á transformación da realidade. Ou polo menos á busca da beleza, entendida non como o contrario da fealdade, senón da indiferenza

No hay comentarios:

Publicar un comentario